Os espazos e os materiais na lexislación da educación infantil en Galicia, o que di

18.10.2012 14:44

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS DO PRIMEIRO CICLO

O ambiente de aprendizaxe.

Espazos

-O equipo educativo deseñará o ambiente e organizará os espazos tendo en conta que dean resposta aos diferentes tipos de necesidades das nenas e nenos: planificando espazos para satisfacer as súas necesidades de tipo físico, pero tamén as de tipo afectivo, as de convivencia, as de exploración, as de autonomía, as de actividade, de movemento e de expresión en todas as súas facetas.

-A escola no seu conxunto conformarase como un ambiente amable e agradable que lles posibilite aos cativos e cativas sentirse cómodos e seguros, favorecendo a súa introdución no mundo artístico. Por iso debe coidarse a estética da escola, ofrecendo un ambiente visual rico pero equilibrado, non que se coide non caer nos estereotipos nin no exceso.

-A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.

-A concepción da escola como un marco seguro ten que permitirlles aos nenos e nenas experimentar, expresarse e desprazarse de maneira autónoma sen coartar as súas ansias de aventura e o necesario desafío que impón o crecemento.

-Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que Lexislación da Educación Infantil en Galicia a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.

-Na escola de primeiro ciclo deben ademais establecerse espazos para que os adultos que comparten a vida dos pequenos e pequenas (as súas familias e as educadoras e educadores) atopen un ambiente onde se encontrar e relacionar con comodidade.

Materiais

-O equipo educativo deberá seleccionar todo tipo de materiais para a estimulación das nenas e nenos, dispoñéndoos de maneira que se incentive a súa manipulación e facéndoas/os partícipes na responsabilidade do seu coidado e organización.

-Nas aulas de primeiro ciclo de educación infantil contarase cunha oferta ampla de materiais de diferente tipo -comerciais, de refugallo, recollidos nas saídas, traídos polos nenos e nenas- e permitiráselles elixilos libremente para proporcionarlles múltiples oportunidades para a aprendizaxe. Son especialmente enriquecedores neste ciclo os materiais continuos e naturais que ofrecen oportunidades de experimentación coa materia e as súas modificacións pola acción humana: auga, area, rochas, follas, froitas...

-As novas tecnoloxías introduciranse nas aulas de primeiro ciclo de educación infantil como un elemento cotián en relación cos acontecementos e situacións que se viven nela, consideradas nunha dobre vertente: como ferramentas para a propia escola e como instrumentos do desenvolvemento das nenas e nenos.

-Cómpre ter especial coidado na selección e utilización dos materiais e dos espazos de cara a evitar desigualdades por razón de xénero e a transmisión de actitudes e comportamentos sexistas a través do currículo oculto.

 

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS PARA O SEGUNDO CICLO.

O ambiente de aprendizaxe.

Espazos

-Na distribución do espazo preverase que as nenas e os nenos dispoñan de lugares propios e de uso común para compartir, para estar sós e para xogar e para relacionarse cos demais; espazos para actividades que requiran unha certa concentración e espazos amplos que faciliten o movemento. A persoa docente preverá as distintas situacións xerando un

ambiente físico de aprendizaxe grato, afectivamente significativo e esteticamente agradable que lle permita ao alumnado sentirse cómodo, seguro e acollido.

Materiais

-Os materiais curriculares axeitaranse aos tipos de contidos, ás características e necesidades específicas de cada contexto educativo e, consecuentemente, ás características individuais do alumnado. Estes materiais permitirán distintos graos de uso; para iso, serán o máis diversos posible, ofrecerán múltiples posibilidades de utilización en función das necesidades de cada situación e momento.

-Estarán presentes nas aulas elementos do medio natural e sociocultural que favorezan o vínculo coa identidade do alumnado e creen un ambiente significativo, ademais de espertar o interese por explorar e experimentar cos elementos que as nenas e os nenos teñen ao seu dispor.  

 

 

Os materiais plásticos axudaranlle ao alumnado a ampliar os campos sensorio-perceptivos e expresivos. O contacto con materiais específicos –lapis de cor, pinturas de cera, barro, útiles de pintura e modelado…– e inespecíficos –follas, pedras, cunchas, cortizas, alimentos…– proporcionaranlle moitas sensacións visuais, táctiles, olfactivas, auditivas e gustativas e abriranlle asemade o campo da creatividade na produción de “obras de arte”.

 

Esta información pódela encontrar máis completa na seguinte páxina: avepss.traballoebenestar.xunta.es/documentacion/decreto_33_2009_curriculum_educacion_infantil_gal.pdf